Thursday 25 de April de 2024

A Coruña celebra a 25 edición de ‘Viñetas desde o Atlántico’ con máis de 20 artistas convidados


Inés Rey: “Celebramos un cuarto de século de banda deseñada coa Coruña como mellor escenario do cómic nacional”

Con motivo dos 25 anos realizouse un selo conmemorativo coa imaxe de ‘Viñetas desde o Atlántico’, deseñada por Miguelanxo Prado

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá a 25 edición de ‘Viñetas desde o Atlántico’, unha das citas de referencia do cómic do panorama nacional que terá lugar na Coruña entre o 8 e 14 de agosto. Na presentación estiveron presentes José Luis Rey, Presidente da Sociedade Filatélica da Coruña; Francisco Javier Varela Castro, director da Oficina Provincial de Correos na Coruña e Miguelanxo Prado, director de “Viñetas desde o Atlántico”.

Nesta 25 edición de ‘Viñetas desde o Atlántico’, A Coruña acollerá a un total de 21 debuxantes convidados para expoñer as súas obras na cidade, achegando o mellor talento da banda deseñada á cidadanía. Entre os nomes dos convidados e convidadas atópanse referentes do manga español como Fidel de Tovar e Dani Bermúdez e novelistas gráficas como as galegas Alicia Jaraba ou Emma Ríos. “Unha mestura de artistas noveis e talentos consolidados nunha aposta polo pasado, o presente e o futuro da arte do cómic”, sinalou Miguelanxo Prado. Pola súa parte, Inés Rey quixo destacar a aposta do Concello da Coruña pola banda deseñada, “unha arte con moita raíz coruñesa que neste cuarto de século fíxonos vivir historias e historietas coas que o público gozou da literatura dunha forma diferente”.

Ás exposicións situadas no Quiosco Alfonso, Palexco, Sala de Exposicións do Pazo de María Pita ou o Aquarium Finisterrae, que acollerán as mostras dos e das artistas convidadas, sumarase a emblemática Torre de Hércules. O monumento será escenario dunha exposición cos carteis das 25 edicións de ‘Viñetas desde o Atlántico’ coa que o público poderá repasar a historia do tradicional evento “nunha edición que pretende ser o resumo de todos estos anos, recollendo a esencia e filosofía nunha mostra única en España”.

Ademais, na sala de exposicións Salvador de Madariaga levarase a cabo un ano máis a exposición ‘Nós seis’ de Julia Lago, gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada.

Xunto a ela estará a exposición ‘María Casares. En tres actos’, aberta ao público a pasada semana e que recolle unha mostra do cómic homónimo editado polo Concello sobre a vida da actriz, nunha aposta do Goberno de Inés Rey pola banda deseñada para a divulgación da figura da artista no marco do Ano Internacional María Casares.

Como novidade nesta 25 edición estrearase unha nova figura, a de Esther, a personaxe deseñada por Purita Campos, que pasará a formar parte do elenco que percorre as rúas para animar aos máis pequenos a coñecer as ‘Viñetas’. Batman, Spiderman, Astérix e Obélix ou Pitufina terán unha compañeira máis a partir deste ano, recuperando unha das figuras do cómic máis recoñecidas. “Esther foi unha referente femenina para moitas nenas,mozas e mulleres que se vían reflexadas nas súas historias, relacións sociais e a incorporación ao mundo laboral da muller naquela época tan dura” sinalou a rexedora.

Selo conmemorativo 25ª edición ‘Viñetas desde o Atlántico’
Co gallo da celebración dos 25 anos do salón, ‘Viñetas desde o Atlántico’ terá un selo conmemorativo de Correos España. O distintivo recolle a imaxe da edición deseñada polo seu director e debuxante Miguelanxo Prado, co obxectivo de celebrar a conmemoración desta data.

A alcaldesa, Inés Rey, agradeceu a colaboración de Correos pola edición dedicada ao 25 aniversario, “un enorme aliciente para os afeccionados á filatelia e que non deixa de ser unha proba máis da singularidade e importancia do noso salón”. Ademais, a rexedora aproveitou para agradecer a Miguelanxo Prado o seu traballo á fronte do Salón estes 25 anos “facendo que hoxe A Coruña sexa un dos salóns de referencia do panorama nacional e internacional, con artistas e visitantes chegados dende o estranxeiro demostrando que a banda deseñada xa botou raíz na Coruña”.